“Tradición de barro na Mostra de Olería de Buño”

Información extraída das noticias da TVG do 10 de agosto de 2014.

Información extraída das noticias da TVG do 10 de agosto de 2014.

Noticias TVG: Tradición de barro na Mostra de Olería de Buño

Buño é un dos produtores de cerámica tradicional máis importantes de España. Vinte alfareiros manteñen viva a esencia dunha tradición secular que durante moito tempo foi fundamental para o desenvolvemento económico da zona. Cada agosto, a localidade celebra a súa Mostra de Olería.

O Ecomuseo do Forno do Forte trasládanos aos anos cincuenta para amosarnos a vida típica das familias oleiras. Hai sete vivendas neste conxunto, que compartían alfareiros e xornaleiros. Todas están distribuídas ao redor deste forno construído na segunda metade do século XIX no centro do quinteiro.

“Os alfareiros traballaban sempre na cociña porque era o lugar máis quente da casa. Na parte superior está o fumeiro, que é onde colocaban as pezas a secar. Tamén hai un cuarto que compartía toda a familia, daba igual que foran catro que dez.”

O Forno do Forte está situado no vello barrio do Forno Novo. É un lugar de parada obrigada para todos os que estes días se achegaron a Buño para visitar a Mostra de Olería. Nos anos de maior esplendor chegou a haber preto de trescentos artesáns do barro na localidade. Hoxe quedan uns vinte.

“Debemos ser o conxunto máis importante de cerámica tradicional en España. Dedicámonos a isto vinte e unha persoas.”

Os alfareiros seguen modelando e cocendo os cacharros de toda a vida, pero a produción foise diversificando e as pezas modernizándose, sobre todo desde que as mulleres comezaron a usar o torno.

“As mulleres non tiñan tanta forza e empezaron a facer pezas de decoración pequenas e coridas. Despois fomos todos detrás porque se vendían ben. Temos que ir cos tempos.”

Buño segue sendo sinónimo de tradición e de barro.

Accede ao vídeo da noticia na web da TVG.

 

1 / 1